Monday 06 de May de 2024

O Concello de Ponteceso aproba por unanimidade desafectar dous bloques máis das vivendas dos Mestres


 Os bloques ubicados na Rúa Ponteceso poderán ter usos de carácter social, lúdico ou cultural unha vez se fagan efectivos os trámites para modificar a súa cualificación

 O Concello contará tamén cunha Ordenanza Xeral Reguladora dos prezos públicos, chave para potenciar principios de proporcionalidade e transparencia

O Concello de Ponteceso aprobou no pleno ordinario de novembro, celebrado o xoves 30, a desafectación dos bloques 6 e 8 das vivendas dos Mestres. Fíxoo na sesión plenaria ordinaria de novembro, na que todos os grupos políticos votaron a favor de alterar a cualificación xurídica das vivendas como bens demaniais de servizo público para transformalas en bens patrimoniais, o paso previo para proceder a súa regularización e solicitar a desafectación do servizo educativo á administración educativa.

Estes dous bloques son o terceiro e o cuarto (dun grupo de seis) que pasarán a ser desafectados, despois de que en 2017 se fixese cos números 10 e 12, situados na Rúa Colexio. Deste xeito, unha vez finalicen os trámites, estas vivendas do 6 e 8 da Rúa Ponteceso poderán ter usos de carácter social, lúdico ou cultural en beneficio da comunidade. Un novo uso que, polo momento, non está proxectado.

A maiores, o executivo municipal tamén aprobou -coas abstencións de PSOE e BNG na votación- a Ordenanza Xeral Reguladora dos prezos públicos. Grazas a este documento, o Concello de Ponteceso contará cun marco normativo para a aprobación de prezos nos eventos organizados pola institución municipal. Esta aprobación establecerá o devandito contexto legal e favorecerá principios de transparencia e proporcionalidade.

A ordenanza xeral reguladora desbloqueará problemas que poidan xurdir en celebracións como a Festa do Percebe o a das Fabas.